A Batalla de Casaldeirigo

A batalla de Casal do Eirigo: Unha retirada que soubo a vitoria e que finalizou con 400 franceses mortos en combate.


A de Casal do Eirigo foi unha batalla sanguenta en dous actos que se librou o 27 de abril de 1809. Ante a presenza dunha avanzada de franceses en Padrón, as tropas galegas puxeron rumbo ás terras de Iria. A metade de camiño entre Caldas e Valga, xusto no outeiro de Casal do Eirigo, situouse o batallón de "La Victoria", capitaneados por Colombo, e avanzaron tamén até a zona a compañía de Tiradores do Miño e o primeiro e segundo batallón de Lobera, "integrado por uns catrocentos recrutas mal adestrados e peor armados", posto que apenas dispuñan de cen fusiles, relata José Piñeiro Ares no seu libro "Historia de Puentecesures".
Os soldados franceses ­un mil homes­ lanzaron un ataque, pero os destacamentos locais lograron rodealos e atacáronos pola retagarda á vez que abrían fogo desde o cume de Casal do Eirigo. Os franceses tiveron que retirarse e ocultáronse en zonas como Xanza, A Tarroeira e San Xulián de Requeixo.

Pero a loita tivo un segundo acto que tamén se relata no libro de José Piñeiro Ares. O que foi alcalde cesurán conta que "por cada soldado ou paisano galego ­máis que soldados eran campesiños mal armados­ había cinco franceses armados até os dentes", que contaban con pezas de artillaría e seccións de cabalaría. O ataque dos galos foi inminente. Despregáronse polo camiño real atacando con tres columnas de artillaría. O segundo batallón de Lobera entrou en pánico e os seus integrantes fuxiron, polo que os Tiradores do Miño "cubríndose de gloria" ocuparon o seu lugar e fixeron retroceder ao inimigo, causándolle moitas baixas. Outro tres batallóns franceses e trescentos xinetes atacaron ao batallón de "La Victoria", que loitou "heroicamente" até o límite das súas posibilidades, ata que Colombo ordenou unha retirada que soubo a vitoria xa que as tropas inimigas sufriron 400 mortos e un milleiro de feridos, por 60 baixas e 120 feridos nos batallóns locais.

Pero os franceses non aproveitaron esta retirada xa que se dedicaron a saquear e queimar casas polas zonas de Setecoros e San Clemente. Ao día seguinte fixéronlles cre que ían cortarlles o paso no viaduto de Pontecesures e que en Padrón se organizaba unha sublevación na súa contra, polo que "abandonaron as terras altas de Valga dirixíndose ao val, onde foron acuartelados".

Por Luis Angel Sabariz Rolán